Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta mellora as condicións do Centro Asistencial e Turístico de Aspanes no Monte do Gozo, referente dun Xacobeo 21-22 inclusivo


O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou con Aspanaes un convenio para a urbanización da súa contorna por un importe de 140.000 euros

A achega súmase aos 764.800 euros que o Goberno galego destinou á rehabilitación e adaptación do novo centro, no marco do Plan de Revitalización do Monte do Gozo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asinou hoxe coa Asociación de pais de persoas con trastorno de espectro autista, Aspanaes, un convenio polo que a Axencia Turismo de Galicia destina case 140.000 euros á urbanización do centro asistencial e turístico creado no antigo cámping do Monte do Gozo.

Alfonso Rueda, xunto coa conselleira de Política Social, Fabiola García, puido comprobar os avances na construción dun centro que é exemplo do modelo turístico no que traballa a Xunta: inclusivo e sen barreiras. De feito, a súa creación no Monte do Gozo persegue, por unha banda, avanzar na formación das persoas con Trastorno de Espectro Autista e na súa autonomía, e por outra, impulsar a súa socialización e interacción cos peregrinos e turistas usuarios do Monto do Gozo.

O convenio permitirá mellorar o patio interior do edificio, rehabilitar a terraza, adecuar o antigo punto de recepción, reformar os antigos vestiarios e o almacén e instalar iluminación exterior. O proxecto é a continuación do acordo ao que Turismo de Galicia chegou con Aspanaes no ano 2019 polo que se cedeu o edificio do antigo cámping do Monte do Gozo, que levaba máis de dez anos en desuso, para a posta en marcha dun centro asistencial e turístico con capacidade para 50 usuarios. A Xunta destinou daquela 764.800 euros á rehabilitación do edificio e á adecuación do novo centro.

O proxecto de Aspanaes responde ao modelo turístico de inserción no que traballa a Xunta e do que é bo exemplo tamén o plan de albergues, dotado con sete millóns de euros para reforzar a rede pública de hospedaxes e facelos accesibles a todos os peregrinos, sen barreiras físicas nin intelectuais.

Plan de Revitalización do Monte do Gozo
O acordo de colaboración entre Aspanaes e Turismo de Galicia encádrase no Plan de Revitalización do Monte do Gozo, dotado con 7,4 millóns de euros, e que segue a avanzar para ofrecer aos peregrinos un complexo de primeira categoría perante a súa chegada a Santiago de Compostela.

A inversión da Xunta permitiu reformar o espazo de acollida con capacidade para 620 persoas, inaugurar no ano 2017 as piscinas públicas, rehabilitar o espazo do auditorio e recuperar o acceso lateral do Camiño, entre outras melloras. O proxecto rematará coa ampliación do auditorio e o Bosque de Camelias.